A loita, quizá co atletismo, é o deporte probablemente máis antigo e que é obxecto de competicións. Non existe unha orixe común para a loita, xa que todos os pobos, en todas as épocas, tiveron algunha forma de loita.

Este concepto arráigase na orixe do deporte en si, e na utilización do deporte dentro do cerimonial relixioso.

En realidade, o nome de Loita Tradicional Galega non existíu como tal para referirse á forma de loitar que tiñan os nosos antergos. Dicíase con frecuencia ir a botar loitas, ou tamén ir a aloitar, ou chamábase nalgunhas zonas Tumba, ou Chimpa, ou Caiados, ou tantos outros nomes de uso máis ben local.

Todos estes nomes facían referencia a unha actividade que se realizaba asociada a tarefas agrarias ou mariñeiras. Tradicionalmente eran frecuentes as xuntanzas de veciños tanto para realizar traballos do agro coma dunha forma festeira como medio de socialización. Era nestas xuntanzas cando surxía a loita, os mozos loitaban entre si, as mozas loitaban entre si, e incluso loitaban os mozos coas mozas. Todo se desenvolvía cun marcado carácter lúdico.

Considérase que as loitas autóctonas do norte da Península Ibérica evolucionaron dende as antigas loitas prerromanas, que se resistiron a morrer naquelas zonas de máis difícil acceso, e que foron influenciadas posteriormente polos pobos bárbaros. Esta hipótese vén apoiada, por exemplo, polos textos de Estrabón e pola gran similitude que hai entre estas loitas e outras de Irlanda ou de Gran Bretaña.

Tamén temos referencias en Rosalia. Neste exemplo, tomado do poema A probiña, que está xorda…!. de Follas Novas [1880], menciona tamén o feito de participaren mozos e mozas na loita:

Xa preto da media noite,
dan encomenzo as peleas;
Os mozos loitan coas mozas,
Medindo as forzas que teñan
E n’andan en cumprimentos
Para botarse por terra.

A loita desenvolvíase coma un xeito de actividade lúdica asociada aos traballos do agro ou mariñeiros. En xeral pelexábase dentro dun círculo de tamaño variable (círculo vivo) de arredor dos catro metros de diámetro.

No interior facíase habitualmente sobre unha base de monllos de palla cos couces para fóra mentres que nas zonas mariñeiras esta tiña lugar na area marcando o círculo con paus ou cunchas.

Os obxectivos dos combates eran tres:

  • Tirar ao contrario de costas no chan.
  • Facelo renderse, inmobilizándoo no chan.
  • Chimpalo fóra do círculo vivo.

Características que diferencian á Loita Tradicional Galega doutras loitas tradicionais:

  • Tamén a practicaban as mulleres, loitando mozos con mozos, mozas con mozas e incluso mozos con mozas. Este último caso tiña un marcado carácter erótico.
  • Loitábase tanto en pé coma de xeonllos. Esta última versión dábase sobre todo cando as condicións do lugar non eran axeitadas para a loita en pé.

Hoxe en día a Loita é un deporte tradicional en proceso de recuperación. Lóitase por parellas e non se permite golpear, beliscar, agarrar os dedos ou en xeral facer calquera outro movemento que poida poñer en perigo a calquera dos contendentes. Os loitadores levan un pantalón resistente que se remanga ata os xeonllos e unha faixa arredor da cintura. Hai tres faixas que teñen o mesmo significado que os cintos das artes marciais: faixa gris prata, faixa castaña e faixa negra. Non se pode agarrar da roupa, excepto ao pantalón e á faixa.

Os obxectivos da pelexa son tirar ao contrario de costas, inmobilizalo no chan ou tiralo fóra do círculo vivo. O árbitro valora cada unha das accións de acordo a estes obxectivos segundo un sistema de puntuación establecido. Gáñase o combate nos seguintes casos:

  • Inmobilizando ao adversario no chan durante quince segundos.
  • Acadando unha maña da máxima puntuación. Isto implica tirar ao contrario fóra do círculo vivo completamente de costas e quedando o que executa a maña en pé.
  • Por superioridade técnica manifesta.
  • Por puntos ao rematar o tempo de combate.

 

Sen comentarios

Deixa o teu comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *

Puedes usar las siguientes etiquetas y atributos HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>